O Homo ergaster
O Homo ergaster é un homínido extinguido, propio de África. Estímase que apareceu fai uns 2 millóns de anos e que desapareceu fai 1 millón de anos.
Os seus primeiros restos foron atopados en 1975 en Koobi Fora (Kenya); trátase de, polo menos, dous cranios de fai 1,75 millóns de anos cuxo cerebro tiña un tamaño estimado nuns 850 cm³. Logo, en 1984, foi descuberto en Nariokotome, preto ao lago Turkana (Kenya), o esqueleto completo dun neno duns 11 anos, 1,60 m de estatura e cerebro de 880 cm³, cunha antigüidade de 1,6 millóns de anos; coñécese como o neno de Nariokotome.
Homo ergaster, procede probablemente de Homo habilis e é basicamente a versión africana de Homo erectus, de quen é antecesor. Algúns especialistas consideran que poden ser unha única especie, debido ao seu gran parecido anatómico, en cuxo caso tería prioridade a súa denominación como Homo erectus, pero parece asentarse a aceptación de dúas especies diferentes.
Características:
Homo ergaster ten un cranio máis grande e ancho que os dos H. habilis, presentaba un arco supraorbitano moi desenvolvidoe dentes pequenos adaptados a unha alimentación baseada en carne, graxas animais e outros alimentos brandos. Os Homo ergaster teñen unha constitución física bastante parecida á do home actual, sendo similar en estatura, aínda que en xeral son de complexión máis robusta e forte, e tenden a ser algo máis anchos de cadeiras. As proporcións de pernas e brazos, xa son tamén totalmente modernas.
Comportamento:
Especúlase que H. ergaster poida ser o primeiro homínido con capacidade para a linguaxe articulada. Dentro das hipóteses moi probables, considérase tamén que poden ser os primeiros homínidos en establecer relacións sociais complexas precisamente facilitadas por esa linguaxe oral articulada, acompañado dun gran cerebro capacitado xa para elaborar rudimentarias abstraccións (como metáforas: se observaban a pegada dun animal é moi probable que rapidamente puidesen imaxinar a que animal correspondía tal pegada). Tamén se supón que cada individuo Homo ergaster puidese establecer unha primitiva teoría da mente pola que podería “intuír” os estados afectivos ou “anímicos” dos seus conxéneres observando as olladas dos mesmos.
Facendo este post encontrei unha paxina que pode ser de gran interés: http://www.portalciencia.net/antroevohabi.html
Non vos parece interesante que os H. ergaster con mirar aos ollos dos outros individuos puideran intuír os estados anímicos?
Este post foi elaborado por Uxía Martínez López no curso 09-10
Tags: Evolución humana, homínidos, homo ergaster, Nariokotome