A doazón de órganos.

QUE SIGNIFICA SER DOADOR?

A única alternativa que teñen moitas persoas para seguiren vivindo é que outras doen unha parte do seu corpo. Así, os enfermos poderán salvar a súa vida e recuperar a saúde. Decidir ser doador significa realizar un acto de solidariedade.

QUE ÓRGANOS SE PODEN DOAR?

Os órganos que se poden doar son: os riles, o fígado, o páncreas, o corazón, os pulmóns e o intestino.

Tamén existe a opción da doazón total do corpo. A medicina necesita corpos para estudar a anatomía humana ou o desenvolvemento de determinadas enfermidades. Esta investigación é moi importante para salvar vidas.

PÓDESE DOAR ALGÚN ÓRGANO MENTRES SE ESTÁ VIVO?

Os doadores vivos son aqueles que doan un órgano dobre, como o ril, unha parte do fígado, páncreas ou pulmón. A maioría dos doadores son doadores de ril. No caso da doazón en vida, os transplantados son case sempre familiares directos dos doadores (pais, irmáns, fillos, etc.).

DE ONDE PROCEDEN OS ÓRGANOS QUE SE TRANSPLANTAN?

A maioría dos órganos que se transplantan en España e en Europa proceden de cadáveres humanos e unha mínima parte de doadores vivos.
Hoxe en día, non se obteñen órganos para transplante a humanos de órganos de animais.

POR QUE NON PODEN SER DOADORES DE ÓRGANOS A MAIORÍA DOS FALECIDOS?

Para poder ser doador de órganos hai que falecer nun hospital, habitualmente nunha unidade de coidados intensivos. É necesario que a morte sexa debida a lesións cerebrais irreversibles e que se cumpran os criterios legais de morte cerebral. Con estes requisitos só poden ser doadores de órganos entre o 1 e o 2% de todos os falecidos nun hospital.

Ademais, non se debe padecer ningunha enfermidade transmisible que lles puidese supor un risco aos posibles receptores dos seus órganos e tecidos.

Tamén se realiza a entrevista coas familias, para coñecer a opinión do falecido e solicitar formalmente a doazón.

E naqueles casos de falecemento por causas non naturais (accidente de tráfico, suicidios, agresións, etc.) é precisa unha autorización xudicial.

Nesta páxina podes obter máis información sobre a doazón de órganos.

imagen

www.sergas.es

Este post foi elaborado por Andrea Araujo Álvarez no curso 09-10

 

Tags: