De onde vén a vida ?

 

A orixe da vida na Terra é unha cuestión moi difícil de determinar, xa que non se puido demostrar con total certeza ningunha das súas teorías.

Unha das que houbo foi a teoría da xeración espontánea, defendida entre outros por Aristóteles. Esta teoría sostiña que os organismos vivos complexos se xeraban a partir da descomposición de substancias orgánicas. Por exemplo, dicía que os crocodilos procedían da descomposición dos troncos do fondo do río. Esta teoría foi aceptada ata o ano 1861, no que Pasteur demostrou, a partir dunha serie de experimentos, que mesmo os máis pequenos microorganismos só podían orixinarse a partir doutros, os seus antecesores, por reprodución.

Unha vez que a teoría da xeración espontánea foi  rexeitada, a teoría  da orixe da vida baseouse en investigar como se puido formar a primeira célula nas condicións que tiña a Terra primitiva. Foi Oparin, en 1924, quen propuxo unha teoría da orixe da vida totalmente científica. A súa hipótese baseábase na posibilidade de que se producisen reaccións químicas espontáneas entre os compoñentes da atmosfera primitiva, das cales se puideron formar substancias orgánicas. As fontes necesarias para producir estas enerxías serían : as descargas eléctricas producidas polas numerosas tormentas que había, debido a existencia de grandes cantidades de vapor de auga; as radiacións solares (moi intensas ao non haber capa de ozono) e a enerxía xeotérmica procedente de actividade volcánica.

Esta teoría de Oparin dicía que o vapor de auga se condensou, ao descender a temparetura, e se produciron chuvias torrenciais. Estas orixinaron os océanos primitivos, nos que as reaccións deron lugar aos compostos orgánicos simples. Logo, todas as moléculas se agruparon progresivamente no que Oparin denominou “caldo primitivo”, que constituía mares cálidos con materia orgánica. Estes compostos illáronse do medio e formaron unhas estruturas denominadas coacervados. A última condición necesaria para que se orixinase vida sería a capacidade de reprodución, este sistema denominouse proxenota. Este é a orixe de todas as células.

Esta primeira célula sería procariota; se outra célula (tamén procariota, pero de maior tamaño) a “come” e esta consegue vivir en simbiose, producirase a formación de orgánulos como as mitocondrias e os cloroplastos ou os cilios e flaxelos. Unha invaxinación da membrana celular dará lugar ao núcleo e formaranse así as células eucariotas (células cun núcleo diferenciado ). Unha vez que se asocien estas células eucariotas formaranse os organismos pluricelulares.

Hai outras teorías sobre a orixe da vida , como a da procedencia extrarerrestre ou as das relixións, que din que foi creada por Deus. A min paréceme que a de Oparin é a máis importante: trinta anos despois da súa exposición foi estudada por numerosos científicos, que fixeron experimentos e conseguiron demostrala. Pero que pensades vós?

Saquei a información da páxina de wikipedia sobre a orixe da vida e da páxina de educared.net sobre a teoría de Oparin.

Esta entrada foi elaborada por María Estévez no curso 2010-11

 

Tags: , ,