De que cor tes os ollos?

Cada persoa recibe dous alelos para unha característica dada. Un alelo procede da nai e outro do pai. Cando ambos alelos son iguais (por exemplo, os dous producen ollos marróns), a persoa é homocigótica para esa característica; cando son diferentes, a persoa é heterocigótica.

Cando a herdanza recibida é heterocigótica, o rasgo que se manifesta é o dominante. Por exemplo,  a xenética tradicional di que unha  persoa terá os ollos marróns porque a cor marrón é dominante sobre o azul.

Pero neste caso non é tan sinxelo, a cor dos ollos é un carácter fenotípico polixénico, é dicir, no que interveñen varios xenes, e que está determinado por dous factores: a pigmentación do iris do ollo e a dispersión da luz causada pola turbidez do medio no estroma do iris.

O xenotipo é a configuración xenética que unha persoa  herdou no seu ADN. Nunca dúas persoas teñen o mesmo xenotipo, excepto os xemelgos idénticos.

 

A xenética da cor dos ollos é complicada, e a cor está determinada por múltiples xenes (carácter polixénico). Algúns dos xenes para a cor dos ollos son: EYCL1 (un xene para a cor dos ollos verde/azul situado no cromosoma 19), EYCL2 (xene para a cor dos ollos castaña) e EYCL3 (xene para a cor dos ollos castaña/azul localizado no cromosoma 15).

 

Nos humanos, a pigmentación do iris varía do castaño claro ao castaño moi escuro case negro, dependendo de tres cousas: a concentración de melanina no epitelio pigmentario do iris (localizado na parte posterior do iris), o contido de melanina do estroma do iris (situado na parte anterior do iris), e a densidade celular do estroma. O aspecto dos ollos azuis, verdes, e abelás débese á dispersión de Rayleigh da luz no estroma, un fenómeno similar ao que orixina que o ceo do noso planeta sexa azul. No ollo humano non hai pigmentos azuis nin verdes. A cor dos ollos é un exemplo de cor estrutural (cor causado por interferencias máis que por pigmentos) e varía dependendo das condicións luminosas, especialmente para os ollos claros.

 

 imagen

Os científicos descubriron novos xenes (tres novos loci xenéticos ) que determinan a cor de ollos en humanos. Afirman que a cor do iris ten máis dimensións e variacións cas xa coñecidas azul, verde e castaño.

Grazas ao método de fenotipado de precisión os científicos descubriron que as variacións na cor do ollo humano reflicten unha gradación constante (ininterrumpida) que vai dende o ton máis claro de azul ata o ton máis escuro de castaño pois a cor do ollo humano varía moito máis que o que representan as definicións de azul, verde e marrón estudadas no pasado.

 

Páxinas consultadas:

 

 Cordis: plataforma de información dedicada ás actividades europeas de investigación e desenvolvemento (I+D) e á transferencia de tecnoloxía

 

Naukas: maior plataforma online de divulgación científica en español.

 

Espaciociencia: Blog que se centra en temas científicos e tecnolóxicos

 

Cepvi: Web adicada á saúde

 

Entrada elaborada no curso 12-13 por Doa González Gómez

 

Tags: , ,