Canto sabías sobre Xúpiter?
Todo o mundo sabe que Xúpiter é o quinto planeta máis próximo ó Sol e tamén que é o máis grande dos oito, pero sabiades que o seu nome débese ó deus romano Xúpiter, pai de todos os deuses, e que lle chamaron así polo seu colosal tamaño?
Xúpiter ten un radio de 71.492 Km, once veces maior que o da Terra; unha gravidade de 23 m/s2, dúas veces e media máis que a Terra; a súa temperatura é de -120ºC, tarda 11 anos en dar unha volta completa arredor do Sol e case dez horas en dar unha volta completa sobre o seu eixe de rotación; é dicir, os seus días duran 9.8 horas. A súa masa é dúas veces e media a suma das masas dos demais planetas. Ademais, é o planeta que máis brilla do Sistema Solar.
Xúpiter é un dos catro planetas exteriores e gasosos, está formado por hidróxeno (81%) e helio (18%) aínda que ten un núcleo sólido do tamaño da Terra. O máis rechamante deste planeta son sen dubida as súas franxas horizontais cheas de manchas: trátanse de correntes de vento e tormentas que se producen na atmosfera, a máis grande de todas (situada no trópico do hemisferio sur), denominada Gran Mancha Vermella, é un anticiclón que se orixinou fai 300 anos e provoca ventos que xiran a 400 Km/h. O planeta ten un tenue sistema de aneis (invisibles dende a Terra) que están formados por partículas de po que foron lanzadas ó espazo cando uns meteoritos chocaron contra as súas lúas. Xúpiter ten 67 satélites, os catro máis grandes foron os primeiros en seren descubertos no 1610 por Galileo e denominados satélites galileanos: Io, Europa, Ganímedes e Calisto (de arriba a abaixo).
A exploración espacial de Xúpiter comezou no 1973 cunha misión espacial da NASA e seguida doutras 7 (ata 2011) que nos permitiron obter todos os datos e imaxes que temos del agora: Programa Pioneer (1973-1974), Programa Voyager (1979), Ulysses (1992), Galileo (1995-2003), Cassini-Huygens (2000) e New Horizons (2007). Actualmente, está tendo lugar un proxecto chamado Juno e que foi lanzado no 2011 para chegar a Xúpiter no 2016; con este proxecto quérese coñecer máis datos sobre o campo magnético e o gravitatorio, a magnetosfera, a composición do planeta e a súa orixe. Tamén estase a preparar outro proxecto para levar a cabo entre 2015-2025.
Se queredes saber algo máis podedes acceder ó apartado sobre Xúpiter na páxina da NASA e tamén a outros contidos extras (vídeos, imaxes, simuladores…) no seguinte enlace: http://solarsystem.nasa.gov/planets/profile.cfm?Object=Jupiter
Fontes de información:
- Páxina educativa sobre astronomía: http://www.astromia.com/solar/jupiter.htm
- http://es.wikipedia.org/wiki/Júpiter (planeta)
Esta entrada foi elaborada por Hadrian Souto no curso 2013-14
Tags: planetas, Sistema Solar, xúpiter