O transformismo de Lamarck

O transformismo de Lamarck constitúe o primeiro intento de dar unha explicación aos cambios que se producen nas especies e que dan lugar a especies próximas. Esta teoría publicouse en 1809 no libro Filosofía zoolóxica. A principal achega deste traballo non foi científica, posto que se basea en teorías non científicas como o creacionismo, senón social, xa que estableceu o feito incuestionable da evolución. Baséase nos seguintes principios ou afirmacións:

- Os cambios medioambientais provocan novas necesidades nos organismos.

- Para adaptarse ao novo medio, os organismos deben modificar o grao de uso dos seus órganos. Un uso continuado dun órgano produce  o seu crecemento (de aquí a famosa frase “a función crea o órgano”). Pola contra, un desuso prolongado provoca a súa diminución e posterior desaparición.

-  As modificacións «creadas» polos distintos graos de utilización dos órganos transmítense de xeración en xeración. É dicir, os caracteres adquiridos hérdanse.

Máis… como aplica Lamarck esta teoría ao mundo real?

Collamos o exemplo do topo: ao pasar a maior parte da súa vida baixo terra non precisan ver, de xeito que os seus ollos ao entrar en desuso atrófianse e posteriormente desaparecen. Estas modificacións adquiridas hérdanse, de xeito que tras varias xeracións os topos nacerán sen ollos, ou con uns moi pequenos que non terán ningunha utilidade.

O seguinte vídeo explica dun xeito claro e divertido esta teoría:


Bibliografía:

Youtube (páxina de onde obtiven o vídeo)

Libro de texto: Ciencias para o mundo contemporaneo 1ºBACH. (Ed. Anaya)

http://symploke.trujaman.org/(Enciclopedia online, xestionada polo Proxecto Symploké, enciclopedia colaborativa en liña)

Entrada elaborada no curso 12-13 por Eva Villar García

 

Tags: , , ,