O efecto placebo
O efecto placebo é un fenómeno segundo o cal os síntomas dunha doenza poden mellorar cunha “falsa” terapia. O caso máis empregado do placebo é ante a dor. Unha autoridade médica receita a un paciente con pequenas molestias unha pastilla para alivialas, que en realidade non contén ningún activo biolóxico, e o enfermo experimenta igualmente unha melloría.
A eficacia desta terapia foi probada por diversos tests clínicos. Ante un estudo con cen pacientes, o 40% experimentaron unha melloría ao consumir falsos medicamentos, fronte ao 50% dos pacientes que sí tomaron auténticas medicinas. Aínda que a proporción é lixeiramente maior no caso das auténticas pastillas, o test demostra que o efecto placebo é moi efectivo, pois o noso propio corpo, sen a necesidade de axuda externa, mitiga a dor.
A efectividade do placebo vén determinada polo autoenganamento do cerebro. O noso cerebro ten a capacidade de decidir canta dor está disposto a soportar, e cando o seu límite é sobrepasado produce unha hormona para alivialo. Se o paciente pensa que recibiu medicamentos para anestesiar a dor, a súa resistencia ante esta diminúe, de maneira que o noso organismo comeza a fabricar un antídoto. O antídoto coñécese como opioide e é unha substancia similar ao opio, unha droga. O opioide calma o malestar actuando como unha morfina natural, non só ante o estimulante do placebo, senón tamén en partos ou accidentes automobilísticos.
Moitos defensores dos placebos avogan polo seu uso nos centros médicos e hospitais, como unha opción curativa máis do persoal sanitario. En verdade, os placebos contan con bastantes beneficios: inflúen positivamente sobre case todos os síntomas, non teñen efectos secundarios e poden subministrase en pequenas doses como píldoras de azucre ou inxeccións de soro fisiolóxico.
A eficacia do placebo varía segundo quen subministra a substancia. Nun ensaio clínico, cando era a enfermeira, a resposta positiva ante o suposto fármaco era do 25%, mentres que se era o médico o subministrador, do 70%. Asemade, as pastillas de sabor amargo, de pequeno tamaño ou moi grandes resultan máis efectivas cas doces.
Por outra banda, non todo o mundo está de acordo coa utilización de placebos na medicina. Para que estes teñan éxito, é preciso que o paciente non saiba que está sendo enganado. Moitas persoas consideran isto unha violación flagrante dos dereitos humanos, non sen razón. Un criterio fundamental na práctica médica é que a persoa convalecente sexa consciente dos tratamentos aos que será sometida, e dea o seu consentimento previo. Co emprego dos placebos, miles de pacientes quedan en mans dos doutores, que lles administran fármacos en base a unha confianza mutua e unha expectativa futura de curación. Ademais, isto tamén contribúe a restar importancia a molestias que en realidade non pode ser tratadas con placebos, senón que precisan verdadeiras medicinas que conteñan principios activos.
Antes de expresar a miña opinión persoal, quería referirvos unha anécdota que lin mentres facía o post. Bruce Moseley era un médico estadounidense dedicado á ortopedia. A maioría de operacións que realizaba estaban relacionadas con doenzas nas articulacións, especialmente artrose no xeonllo. A solución ante esta enfermidade é bastante sinxela: realízase unha pequena incisión a altura do xeonllo, irrígase a zona afectada e se limpan as deformidades do cartilaxe. O doutor Moseley decidiu levar a cabo un experimento que consistía no seguinte: douscentos pacientes con artrose son introducidos nos quirófanos e sedados para a operación, mais a metade sae da habitación sen teren sido operados. Estes cen pacientes son enganados polo corpo médico e enviados a casa con receitas para a “dor post-intervención”. Pouco despois, faise unha enquisa para saber que cantidade de convalecentes atópase ben. O resultado dá que 180 están satisfeitos coa intervención cirúrxica xa que non teñen problemas no xeonllo.
Como sentenza a este episodio, podemos ditaminar que a dor sufrida por estes enfermos non era nin tan grave nin tan preocupante. Pero o certo é que se vemos o experimento dende o punto de vista ético ten moitos “ocos”. En primeiro lugar, a sanidade estadounidense non é como a nosa, é dicir, a xente ten que pagar a operación se quere ser curada, así que estas persoas son enganadas e estafadas brutalmente polo persoal médico, que cobra os cartos sen realizar a operación. En segundo lugar, estas investigacións tenden a subestimar a dor axea. Aínda que moitos destes homes e mulleres poidan resistir unha dor moito máis aguda, débese recordar que a definición de saúde é o completo estado de benestar físico, mental e social. Así pois, ninguén debería sufrir, por moi soportable que sexa a dor, porque é unha alteración negativa do noso benestar que pode impedirnos un estado de felicidade completa. Por último, a enquisa tivo un resultado positivo, dado que a maioría dos pacientes estaban contentos co seu estado. Pero que estiveran satisfeitos nun determinado momento non quere dicir que non poidan presentar molestias e problemas no futuro, pois a enfermidade está aínda sen curar. Quizais estas persoas sentiron certos síntomas negativos que foron tomados como parte da recuperación, cando é probable que puideran ser problemas derivados da artrose. Porén, estas probabilidades non foron tidas en contas no cuestionario, que deu por válido o experimento sen ter en conta as súas consecuencias futuras.
En resumen, eu estou a favor dos placebos sempre que sexan administrados coidadosamente e por persoal médico que estea en contacto directo cos pacientes, para aseguraren a súa mellora e garantir que unha doenza ou enfermidade non vaia a máis. Ademais, creo que cómpre sentar uns valores éticos sobre o uso dos placebos, de maneira que a poboación poida estar tranquila de que en caso dunha enfermidade grave ou dunha operación recibirá un tratamento clínico real, acorde coas súas necesidades.
Fontes:
- Para a imaxe: blog privado de autor descoñecido The Nice GuideLines Blog. Nela pódese ler: “Se non está absolutamente encantado e satisfeito co seu tratamento, podería deixar de usar placebos e receitarlle unha medicación real, pero só por esta vez.”
-A información foi quitada da revista GEO, nº261, e da páxina web de carácter informativo ¿Qué es la homeopatía?, elaborada por un conxunto de cidadáns interesados sobre esta nova rama da medicina.
Entrada elaborada no curso 12-13 por Antía Pereira Fernández
Tags: efecto placebo, ética médica, medicina