Humanos Modificados Xenéticamente
Os transxénicos son seres vivos cuxas características xenéticas foron alteradas artificialmente. Actualmente están á venta moitas plantas e, en ocasións, animais que foron modificados xenéticamente polos humanos. Independientemente da polémica que xorde por se iso é san, ético ou se simplemente deberiamos ou non poboar o planeta de especies artificiais, os humanos estamos avanzando moito nos últimos anos na enxeñería xenética, polo tanto, coa polémica aparecen tamén os medos e as dúbidas potenciadas pola ciencia ficción de a onde nos levará tanta modificación.
Tras décadas de experimentación o ano pasado aprobouse o primeiro caso de tratamento comercial pola técnica da terapia xénica que consiste na tranferencia ás células do paciente de xenes que cambian ou bloquean a súa función evitando o desenvolvemento ou freando os síntomas de determinadas enfermidades de transmisión xenética. A xente curada por este método non deixa de ser xente modificada xenéticamente, que non son transxénicos, xa que, un transxénico é un individuo que nace cos seus xenes alterados. Eles seguen a ser humanos normais.
Os que poderían chegar a considerarse transxénicos por esa definición son os bebés que ofrecía unha clínica estadounidense que dicía permitir aos pais escoller as características dos seus fillos.
E entón, canto tardarán en chegar os humanos modificados xenéticamente modificados que xa non poidan ser considerados humanos? Humanos con resistencia extra a diversos factores externos, cunha maior masa muscular,…
Estes exemplos recordan dalgunha maneira á dopaxe dalgúns deportistas para competir con máis forzas, e se esta forza extra fose incluída nos xenes ao xuntarse os seus cos dun guepardo, por exemplo? Ou unha mellora da visión nocturna, como a dos gatos? Engadirnos apéndices velenosos como os dos cnidarios? Modificacións que, como nas ideas de Lamarck, se engadisen nun individuo e, ao levala nos seus xenes, se pasasen automáticamente á súa descendencia. Todo isto son ideas que aínda que a día de hoxe nos parezan unha tolería á velocidade que levan os avances xenéticos poderían ser unha realidade o próximo século.
Na ciencia ficción poden verse avances similares como en Brave New World de Aldous Huxley onde as distintas clases sociais van marcadas por como foron modificados os seus embrións, embrións aos que se lle meten curas a todas as enfermidades coñecidas (dato que non dista demasiado da xa real modificación xenética de embrións para evitar enfermidades, que xa leva xerado diversas polémicas éticas). Ou en Altered Carbon de Richard K. Morgan onde cada persoa pode ter no sangue células específicas que melloran as súas capacidades físicas.
Á hora de falar destes avances considérome unha persoa maior xa que, cando se faga realidade a modificación das características xenéticas en humanos iso é o que serei, e as miñas opinións estan formadas a partires das miñas vivencias nun mundo onde iso é unha completa tolería que pensamos que nunca veremos cos nosos propios ollos, aínda que o máis probable é que non o teñamos tan lonxe como cremos.
Webgrafía:
Hipertextual.com: post do biólogo Santiago Cruz nesta páxina web. https://hipertextual.com/autor/scruzcampillo
Greenpeace.org: páxina web da organización ecoloxista internacional Greenpeace. https://es.greenpeace.org/es/trabajamos-en/agricultura/transgenicos/
Entrada elaborada por Sabela Pérez
Tags: enxeñaría xenética, humanos modificados, Terapia xénica, transxénicos