A chuvia ácida

O fenómeno da chuvia ácida converteuse nunha das iconas da degradación do medio natural provocada pola industrialización. Prodúcese cando o dióxido de xofre (SO2) e os óxidos de nitróxeno (NOx) reaccionan co osíxeno atmosférico e se disolven na auga da chuvia, formando os ácidos sulfúrico e nítrico. O vento pode provocar que estes corrosivos elementos percorran miles de quilómetros antes de se precipitaren a xeito de chuvia, xeada, sarabia, neve ou brétema, e mesmo a xeito de gases e de partículas ácidas, o que se coñece como “deposición seca”. Aínda que a natureza tamén xera estes gases, por exemplo a partir do magma volcánico, os principais responsables deste problema ambiental son as emisións causadas polos medios de transporte, as centrais térmicas que queiman combustibles fósiles, as plantas industriais e o amoníaco do esterco das explotacións gandeiras intensivas.

Efectos nocivos

Os efectos sobre o medio natural son notables. A auga tórnase máis ácida, o que pode provocar a desaparición da vida animal e vexetal de lagos, canais e ríos. Diversas especies de peixes, liques, musgos e fungos, algúns esenciais para a masa forestal, e mais os organismos acuáticos pequenos son os máis afectados. A diminución da presenza arbórea aumenta ademais a posibilidade de avalanchas e de corrementos de terra, pondo en perigo as poboacións próximas.

imagen

O concepto de chuvia ácida foi acuñado en 1852 polo químico británico Robert Angus Smith.

Os problemas da China

Afecta a máis da metade das cidades do país; e mesmo nalgunhas rexións toda a chuvia que cae é ácida. O principal causante desta situación é o carbón, que nutre o 70% das necesidades enerxéticas do xigante asiático.
A China, A India e Xapón son os países que máis sofren as inclemencias corrosivas da chuvia ácida. Na China, en concreto, trátase do problema ambiental máis grave.
Tamén o vemos presente en Galicia, no País Vasco e en Murcia entre outros.

Medidas preventivas

A chuvia ácida é un problema que se pode solucionar por medio de varias medidas:

  • Utilización de técnicas de neutralización da acidez das augas, como o agregado de substancias que actúen de base ou a colocación de filtros. Así e todo, trátase de técnicas caras que só poden servir para solucionar o problema a curto prazo.
  • Diminución da emisión dos gases nocivos. En definitiva, trataríase de cortar o problema de raíz, reducindo o uso do petróleo, do gas e do carbón e apostando polas enerxías renovables na industria e no transporte.
  • Mellora das tecnoloxías. O uso máis eficiente e racional da enerxía, e mais a aplicación de mellores sistemas de limpeza dos gases desprendidos, contribuiría tamén a reducir o problema.

Moita desta informacióm podedela atopar no seguinte enlace: http://gl.wikipedia.org/wiki/Choiva_%C3%A1cida.

E vos, que pensades sobre este tema tan delicado? Sabíades que estaba presente en Galicia? Eun non entendo como podemos vivir sen saber cousas como esta que non influen tanto, ou mellor dito, sen darlle a suficiente importancia.

Este post foi elaborado por Arantza Pérez Correa no curso 09-10

 

Tags: ,